Poesías
Rapañota de contrapuntos
das terras do Salnés.
Reloucador de soños
rebeldías e nubeiros
nas lucerna das silveiras.
Olleiras de solaina
con serventías solidarias
nevaradas asulagadas
nas áncoras atormentadas.
Bruído permanente
das fervenzas cubicadas
cartucho diáfono
escanciado na gaveta.
Saúl Otero,2011
Ao meu pai
Pousada de batas dispares
onde brúan as almas
dos corpos derramados
con arrecendos a Varón Dandi.
No territorio de carburo de silicio
de gran miúdo
calarán as palabras
as olladas
as entrecruzadas conversas
de outeiro a outeiro.
Saúl Otero,2004
A Xosé Vázquez Pintor
Tesouro en Melide,
Xabarín de Quián para sempre,
Pendello na Agolada,
Auga Salgada en Cangas.
O TOLEIRÁN con maiúsculas habita no olimpo da palabra,
manexa o xesto como o druída do sobreiral,
quenta o Sol e prende a Lúa dos antergos de Quián.
Ollos abertos cara a terra
petos cheos para a tribo
pinta nubes,soños,luces
e imaxes a manantío.
Saúl Otero,2006
A Pilar Gómez
Vexo nela…
A impulsora do camiño que recorre,
penetra,atravesa,traslada,pasea
pola nodosa mioleira.
Do introspectivo encabalgamento
na mixtilinea ideolóxica
na espiral esencia
na arquivolta da nada
de todo,de algo,da abundancia.
Da pendular inercia do intelecto.
Vexo nela…
A enfiadora do sutil impulso
ao asentamento filosófico
na ineludible realidade.
Saúl Otero,1995
Xebra,
verdello que brilla
para o home que quere fixar
sentimentos
emocións
experiencias.
Mareira que enreda coas gamelas
coas dornas
cos galeóns
con ese home.
Laios de gaivota que se entrecruzan
cos pensamentos ao pairo
como lóstregos que se mergullan na escuridade.
Vento mareiro que cicela ”Itocousas”
na mioleira dese home
que devece por pintar.
Saúl Otero, 1997
Na diagonal esquerda,
o trobador debulla troulas
con ritmos lúcidos
con pousos de silencios
con acenos tribais,
no vello instrumento.
No longo mastro
bicos mornos peteiran
na quentura do corpo e do espírito
dos nativos con memoria
de Sol e Lúa.
Co sorriso diverxente
o trobador bohemio e soñador
acolle viaxes ao pairo
con catarses de tarde e noite
con gañas de derrubar
a desmemoria de hoxe e sempre.
Saúl Otero, 2004
De fronte as xentes sensibles e lúcidas que naufragan na multitude
como lóstregos que queiman almas nos bosques de miolos
que anainan ideas frondosas.
De costas os espesos e cizallosos con delirios grandiosos
trasvestidos en aras das riquezas
creadores de logotipos de falabarato e fachendas.
Saúl Otero, 2008
Os fermentos corrosivos
do visible mercadeo
amosan espazos de morte
nas terras
dos mutilados esquecidos.
Saúl Otero,2009
Ao galerista Luís Fdez Silvoso
O druída balizou no Patín,
arribou catarses de toleiráns
con arrecendos de albariño
marcando territorio–fervenza
de caligrafías visuais propias
ponderando universos a eito.
Patrón indómito con marca de seu
do Couto Mixto de Borrón 4,
ancorador de soños arroutados
cazador de lumes sentimentais
de escenografías lunarias,
Luís Silvoso sempre memoria.
Cambados, outubro-2011
Saúl Otero
A Marité
Penso nela…
E na longa historia de amor de barrio
e na intensa loita común da vida
e nas convinccións
que fan que as liñas non sexan rectas.
E na dilatación dos nosos poros
que permiten agrandar as vivencias,
e os praceres
que fan que o reloxo se pare.
E na deusa que logra
que “alguén” pinte as ideas
os desexos
os bicos
os abrazos
as caricias
a humidade
a supervivencia
o amor e a poesía.
Saúl Otero,1995
Mitos da espiral que acollen
aos ratos do faiado dun fogar derrubado,
ás picadas traseiras de tempos idos,
ao can de almorzos compartidos,
ás vagonetas de traballo arxilento,
ao porteiro Dorado con viseira,
ás castañas quentes nun portal de metal,
ás montañas de pó de carpinteiro,
aos buracos de quentura a vista de paxaro,
ás caixas de arxila con corda e molido duro,
ás grandes costas de auga e rás,
á secada en vertical,
aos tixolos e galeóns,
ás espiñas e lucecús dos carreiros esquecidos ,
á congostra de postes e calacús na luz da noite,
aos caramuxos en espera dun amencer.
Saúl Otero, 2006
Soñan no oráculo do Couto Mixto as xentes do cinema galego,
o cidadán da palabra coa súa memoria do boi,
o iluminador co resplandor das cores de Luís Seoane e Leopoldo Nóvoa,
un dos nosos con cámara dixital forzando un ángulo imposible,
as fadas de estraño nome reproducindo filmemente navicularia,
o acomodador do Coliseum entre sombras e néboa patrimonia os mariñeiros de José Suárez,
a Mamasunción recoñécese nos retratos de Virxilio Vieites,
os autores de curtametraxes e vídeos prefiren o xabrón lagarto antes que os epitafios,
o Miguel Anxo Prado debuxa as xeografías do sal dos vidros pulidos da area de Pragueira,
o Rañolas do Castelao, como Maiakoski, foi o mister misto suicida dos efectos especiais,
todos a unha empurrando en plano secuencia como o maquinista Buster Keaton,
o caladiño soña cun cinema de vangarda con marca de seu.
Saúl Otero,2008
Camiño con cautela pola congostra
con chumbo nos pés e no espírito
acariñando fentos e espiñas
fitando o luminoso calacú
que regaña os dentes
que abre os ollos
que bota fume pola cachola.
Camiño co fondura pola congostra
con ritmo nos pés e no corazón
buscando o carreiro sen estrondo
soterrando as xenreiras
que nos alonxa da utopía
que nos roen no peito
que nos inflan o fel.
Camiño con cautela e fondura pola congostra.
Saúl Otero,1997
Unha parella na ventá…,
fita ao vendedor de cebolas e pan
ao latoeiro da costa ascendente
á peixeira da buguina
ao afiador dos cronistas oficiais
á cabuxa da escaleira
ao home da funda de mahón
á cancela aberta á fartura
aos fecundadores furtivos…
A parella da fiestra bícase
mentres debullan pensamentos eróticos.
Saúl Otero, 1997
A Marité, por todo.
Madeus! que feitura de moza!
A morena enfia a rúa que en tempos foi terra.
Reparei nela por primeira vez,
Interseccións de sentimentos espiroides
Treboadas tonofásicas no medio da rúa sen coches.
Porta aberta ao logaritmo de foguetes vizosos
A beirarrúa punto de espera con vibracións prolongadas
Zoom difuminado na cadratura da branca fachada.
Madamita-macrosón en formato long play
Auga permanente de lumaradas amorosas
Tolemias de pel con baladas de acougo
Azul velaíño alimento das luzadas con baliza
Nevaradas na congostra no traxecto diverxente
Augas salgadas con bálsamos de samba
Sempre teu
Saúl Otero, 2007
O deliniante embebíase farruco,
debuxando no aire-terra coreografías xeométricas e xeográficas
cara o vello gladiador.
Cartabón!
Triángulo isósceles!
Cuadrante de meridiano!
A temperatura levedouse no Bar Maracaibo.
Ergueuse o loitador de cóbados trincados
con sons homeopáticos en sinfonía de do menor
e mirando cara o teito
retrucou,
má-to-te!, má-to-te!
Saúl Otero , 2008
Mulleres –nai morrendo
en tempos de furia
nas moradas de medo
e voces en berro
con sangue en espiral
sen fin.
Saúl Otero, 2010
Viaxa coa lus e coa gramática nos petos
alternando valume cos zunidos
do bosque de seda e
cuspes da roupa interior
da nadadora de diario.
Nos claustros dos pelouros
sae a lúa do cabaret
mentres o coitelo abrecartas da lambetadas
ao bris de espera e o frío bipolar
penetrando na fronteira da braña tranquila.
O colo da xerfa rebusca o crol
da porta do cíclope rebelde
habitando a casa libertaria
do ronsel de Lucy
Naitjok – falcóns da noite.
Lembranza das paisaxes interiores
dos torreiros portadores de augatinta
Edward Hopper – Mark Rothko
Xosé Mª Vila Ribadomar
SAÚL OTERO, novembro 2011